18/12/10

Felicita o Nadal en galego

Un ano máis o ENL organiza a campaña "Felicita o Nadal en galego". Con estas fotos desexámosvos un bo nadal e feliz aninovo.

2/12/10

Para unha camiseta gañar, nas actividades tes que participar!!!

O ENL fixo unhas camisetas cos deseños gañadores do concurso do ano pasado. Para conseguir unha, participa nas distintas actividades e concursos que o ENL organiza ao longo do curso.

26/11/10

Se queres un plan xenial : ¡¡Esta fin de semana o CULTURGAL!!

A Feira das Industrias Culturais galegas abre mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra como o gran fogar da cultural galega, coas portas e ventás abertas para toda a sociedade. Constitúe un espazo de construción colectiva con todas as súas estancias -o salón, o patio, o faiado, a recámara, o cuarto dos nenos e os corredores- cheas de música, literatura, creación audiovisual, artes escénicas, deseño e novas tecnoloxías; unha mostra da unión sectorial e da solidez profesional da nosa cultura. Con horario de 11h a 21h e de acceso gratuíto, ata o domingo 28 ofrecerá a posibilidade de gozar de máis de 150 horas de actividades programadas. Máis información en: http://www.culturgal.com/

23/11/10

Manda castaña co magosto deste ano

O alumnado do Ciclo de Animación sociocultural organizou variadas actividades botándolle boas doses de imaxinación e traballando duro.E ¿Que me decides do concurso gastronómico? Basta botarlle unha ollada ás fotos da exhuberante mesa con todo tipo de receitas a base de produtos de outono para comprobar que hai un prometedor futuro para a boa restauración en Baiona. E de deseñadoras/es e artistas tampouco andamos nada mal. Presentáronse atractivos carteis para anunciar a festa do magosto. Parabéns para quen gañou no concurso de carteis e gastronómico e grazas a todas e todos aqueles que participastes nos concursos e colaborastes tanto a asar as castañas como nas brigadas de limpeza.

13/11/10

¿Dáche medo ler?

O club de Lectura Lerias propuxo dous libros en galego coa licantropía como tema: “O lobishome de Candeán” de Paula Carballeira e “Pel de lobo” de Xosé Miranda. Podes ler opinións dos libros e ver algunha foto dos debates no seu blogue:    http://clubdelecturalerias.blogspot.com/ . ¡¡Estache o Primeiro de Marzo que mete medo!!.

7/11/10

¡/¡/¡ Samaín \!\!\!

Abofé que este ano polo Samaín os do Ciclo foron quen de meternos o medo no corpo



4 de novembro - Día da Ciencia e a tecnoloxia en Galego

Varios departamentos de ciencias organizaron esta magnífica exposición. Parabéns!!!
Tedes máis información no blogue de Tecnoloxía. Non deixedes de ver o video.

19/10/10

Letras Galegas 2010

Ola a todos e a todas
Xa está aquí a primeira entrada deste curso.
Dende o Equipo de Normalización esperamos a vosa participación nas actividades que contamos organizar.
Aquí quedan as fotos das actividades das Letras Galegas 2010

1/5/10

ENTROIDO 2010 - MÁIS VALE TARDE CA NUNCA!!!!

Cantando coplas en galego ¡¡ Que ben o pasamos !! e que ricas as filloas ...!!!!!!!!!!

26/4/10

O ROTEIRO DA PRAIA DOS AFOGADOS

A Editorial GALAXIA invitounos o pasado xoves 22 de abril a percorrer os espazos reais nos que transcorren os feitos ficticios relatados polo escritor Domingo Villar no seu libro A PRAIA DOS AFOGADOS.

Coincidimos no noso itinerario cun grupo de alumnado procedente de Boiro do Instituto de Secundaria Praia Barraña, que fixo que compartísemos a experiencia dunha maneira máis enriquecedora e amena.


Acompañounos Ana, unha profesional das Artes Escénicas, que motivaba a participación de todo o grupo e a inmersión na trama novelística, facendo que asumisen papeis dos personaxes do libro, facendo fincapé nas súas características e nos seus perfís máis salientables. Non había dato que se nos pasase por alto.



Guiounos ata a Igrexa Votiva de Panxón, obra do arquitecto Antonio Palacios.

A seguir, faltábanos o máis didáctico, o encontro con Xosé Lois Vilar: arqueólogo, historiador, escritor, conferenciante... implicado en todo tipo de actividades, e coma sempre, xeneroso co seu tempo, e gran divulgador, que nunca rexeita ningunha invitación. Levounos polo contorno de Monteferro e explicounos a toponimia e a talasonimia de toda a zona, explicounos as motivacións dos nomes e a necesidade de respectalos e valorizalos, sen que sufran ningunha deturpación porque pertencen ao noso patrimonio cultural e inmaterial, e polo tanto de incalculable valor

Fotos da excursión :

http://picasaweb.google.com/enlprimeirodemarzo09/RoteiroDaPraiaDosAfogados#

11/4/10

VIDEOCONFERENCIA NA BIBLIOTECA

O 26 de marzo, o Club de Lectura Lerias e o Equipo de Normalización organizamos unha videoconferencia coa autora da tradución ao galego do libro Seda, escrito por Alessandro Baricco en italiano.
Esta actividade resultou moi interesante. Aquí quedan algunhas das vosas opinións:


A video-conferencia coa tradutora María Cristina González Piñeiro foi, cando menos, novidosa para todo o alumnado do centro. No meu caso concreto, a experiencia resultoume moi interesante en tódolos sentidos; por unha banda, foi unha nova forma de analizar un libro, máis alá da lectura íntima e persoal que pode levar a cabo calquera lector, de xeito que puidemos traspasar a barreira do papel á realidade, de compartir as sensacións e as experiencias que cada un dos que lemos o libro experimentou e probablemente en máis dun caso cambiar a idea inicial que adquiriramos ao ler a obra ou enriquecela coas diferentes opinións dos outros compañeiros. Por outra banda, aprendemos moitísimos detalles interesantes no que respecta ao proceso de tradución dun libro e do oficio de tradutor en xeral.
Facendo referencia á tradutora María Cristina González Piñeiro, creo que tanto eu coma tod@s @s que estivemos alí presentes aprezamos que é una excelente oradora e que foi quen de contestar a tódalas preguntas que lle fixemos da forma máis precisa e concreta que puido; sempre amable e cun sorriso nos beizos, o que axudou a que tod@s nos sentiramos coma na nosa casa, en lugar de intimidad@s ou incómod@s á hora de falar con alguén que non coñecemos e neste caso, mediante un micrófono e unha webcam cos cales, aínda non estamos moi familiarizados neste tipo de charlas do instituto.
En conclusión, a video-conferencia pareceume unha actividade innovadora, amena, interesante ademais de cómoda, ao non requirir o desprazamento nin por parte do alumnado nin da propia tradutora, neste caso. Non me importaría repetir algo semellante con outras obras do club de lectura, de feito, animo aos profesores/as a promover máis actividades deste tipo.

Tania Rodríguez Braga. 2º BACH



A conferencia pareceume moi interesante. En primeiro lugar foi novidosa para min, xa que nunca participara en ningunha e ademais pareceume unha boa e nova forma de utilizar as novas tecnoloxías con fins didácticos. A tradutora pareceume moi simpática e aberta a todo tipo de suxestións e preguntas, notábase que intentaba resolver tódalas nosas dubidas e esforzouse para iso. Na miña opinión é unha boa forma de introducirnos no propio libro, facéndonos máis participes, xa que conseguimos entendelo moito mellor. A videoconferencia foi xenial, moi divertida e interesante, deberiamos facer algunha máis a miúdo, porque creo que desta forma os libros vólvense máis interesantes.

Natalia Estévez Benítez



A min pareceume moi entretida a entrevista por parte da tradutora de Seda. Ela respondeu de manera moi correcta ás cuestións que cada un de nós lle expuxemos.
Comentou moitos apartados referidos ao motivo que lle levou a comezar a súa carreira de tradutora. Tivo que indagar moito en canto ao autor Alessandro Baricco para poder comprender porque o escribiu e cal foi o motivo que o inspirou a escribilo.
Foi unha charla correcta e por que non, poderiamos repetir algunha outra é unha forma moi orixinal de falar con autores dos libros que lemos , así podemos coñecer de maneira máis profunda os aspectos máis significativos das obras.

Ricardo Blach Maciel 2º BACH

2/4/10

Creación Literaria

Por Lía Baqueiro, 3º ESO A

A RADIO
Xose era o dono da pequena libraría da nosa aldea. Era pequena de apenas 250 habitantes. Xose era de estatura media, tiña 45 anos e empezaban a aflorarlle as primeiras canas sobre a súa cabeleira negra.
Tiña un fillo chamado Luís de 16 anos, moreno e alto, de constitución forte. Os dous eran grandes lectores, gustábanlles as novelas de ciencia ficción, eran as súas preferidas. Xuntos soñaban con como sería a vida con máquinas nas que retroceder ou avanzar no tempo. Luís soñaba con estas viaxes dende o día do seu nacemento, o día 10 de xullo de 1980.
Pero iso sería imposible, ¿non? Vivían no centro da aldea case ao lado do concello. Os seus veciños realizaban un rastro vendendo todo tipo de cousas que non utilizaban. Entre elas unha pequena radio de color carmesí. Era estraña, si, pero había algo que atraía a comprala, será o destino pensou el, así que pagou os 20 euros que custaba sen ningún reparo. Cando deu dous pasos deuse conta de que xa estaba en casa acendendo a radio. De repente apareceu nun castelo da Idade Media coa radio nas súas mans.
Aquilo era un sono, non podería ser certo, por máis que abría e abría os ollos non deixaba de sorprenderse.
Non quería espertarse, polo que se apresurou a baixar as escadas de pedra, ao acabar estas chegou a un longo corredor que ,ao fondo, se dividía en dous estreitos brazos. Correu e correu o máis que puido, xirou á dereita, xirou á esquerda, atravesou portas ata chegar a unha habitación de cor granate. Había unha cama cunha suave seda e ao lado unha mesiña desta mesma cor. Mirou pola ventá e puido observar o amencer. Ata que escoitou pasos, cada vez máis e máis e máis cerca, ata escoitalo detrás súa, xirou a cara indeciso. Observou un garda real, cunha espada. Desenvainouna e berroulle que o acompañara. Encerrouno para executalo, acusado de penetración indebida no castelo. Luís non sabía que facer. Sentouse naquelas frías pedras da cela, separado da vida real por un código de barras, só tiña a certeza que non paraban de esvararlle bágoas polas súas meixelas. Ata que viu unha cara coñecida ¡Si! O seu pai. Liberouno o máis rápido que puido. El tamén tiña unha radio, polo que voltaron ao noso ano. Non crían o que pasara. Só se deron conta de que nunca volverían a viaxar no tempo.
Soñaran con facer aquela viaxe dende sempre, pero non pensaran nas consecuencias que poderían vir despois…




Por María Ortega, 3º ESO A
AZEROTH E TERRALLENDE
Naquel intre só pensaba en buscar a saída, poder estar libre, volver a ver á miña familia, aos meus amigos…
Dinme a volta para ver se aínda me seguía aquel estrano ser, metade can, metade gato…
Non atopaba a saída, sentíame atrapada naquela cova a que non sabía como chegara.
Continuei correndo e cheguei a un camiño sen saída.
O animal acurraloume contra a parede e lanzoume un dardo cun somnífero…Todo se escureceu…
Cando espertei estaba nunha gaiola atada á parede rodeada de eses seres tan raros…
O que parecía ser o xefe do grupo deu un paso adiante e susurrou algo nun idioma parecido ao francés, pero, ao ver que non o entendía, probou o castelán e, finalmente, co galego:
- Que fas nos dominios dos Kurenai?- preguntoume aquel ser cunha voz moi profunda, parecía soar na miña mente.
- Non o sei, espertei nesta cova hai unhas horas, ou incluso pode que días…
- Aquí só se pode entrar unha vez ao ano cando o chamán abre as portas do noso mundo para poder falar cos mortos nun ritual.
- E que hai que facer para chegar aquí?
- Se caes ao chan nese momento preto do portal, quedas atrapado.
- Para sempre? – preguntei asustada.
- Pódese saír cada ano nese ritual, quizás debas falar con Gartuk o chamán para que che informe, poderás atopalo na súa cabana ao sur do poboado, Dreadfrost, o cabaleiro da morte, te guiará.
O cabaleiro deu un paso adiante e indicoume que o seguira.
Un can destes soltoume e botei a correr para non perdelo de vista.
- Ten moito coidado,Valtiel, o pícaro asasino anda cerca en non se corta á hora de atacar. – Advertiume Dreadfrost.
- É moi perigoso?
- Eu non viaxaría por Azeroth só, pero ti mesma.
- Azeroth?
- Así se chama este lugar, Azeroth, o mundo fantástico que vive nunha eterna guerra, se vas a estar aquí un ano deberías falar cun dos instrutores da disciplina que vas practicar, así podes ser: Druida, chamán, paladín, guerreira, meiga, fada, sacerdotisa ou cazadora.
Non dixen nada máis e quedei pensando que unha boa maneira de derrotar ao Acechador sería no seu propio campo, e agora estaba decidida…
Dread contoume que facía cada clase de disciplina, e así decidín que sería pícara, sixilosa e rápida para poder enfrontarme a Valtiel cara a cara.
O cabaleiro explicoume como estalara a guerra durante o resto do camiño. Díxome algo dunha alianza contra o Rei Exánime…
Na cabana do chamán descubrín que quedara atrapada para sempre, xa que na Terra ninguén me botaba de menos…
Despois de saber isto fun falar co instrutor de pícaros e púxenme a entrenar día e noite durante dous anos e medio, ata que conseguín igualar en forza e axilidade a Valtiel.
Saín do pobo e berrei no medio do camiño algo así como: “Sal Valtiel, sei que estás agochado entre as sombras”.
Aos 10 minutos notei como unha sombra esvaraba detrás de min, dinme a volta e encarei ao asesino Valtiel. Craveille a mirada e este ma devolveu. Sacou as súas dagas e se acercou a min.
Estivemos pelexando durante varios días, ata que conseguín desarmalo, nese intre se esfumou, e non o volvemos ver por esta zona. Algúns din que marchou cara a Terrallende, o mundo da Horda, os inimigos da Alianza de Azeroth para pórse da súa parte e vingarse.
Os Kurenai agradecéronmo eternamente, e eu decidín quedar en Azeroth durante o resto dos meus días, defendendo as terras coa miña vida nos momentos nos que fora necesario. Os Kurenai déronme o título de “Acechadora” Darkii, pero eu fun algo máis sinxela, e quedeime con “Embaixadora” Darkii…


Por Paula Álvarez Álvarez 3ºA ESO
A SOMBRA MISTERIOSA
Xoán e Roberto, dous inseparables amigos dende que tiñan catro anos, pasaban tódalas tardes xogando xuntos no único parque que había no pequeno pobo onde vivían, pero un 14 de xullo, o alcalde decidiu arranxar ese parque tan vello. Entón, esa tarde non podían xogar alí e decidiron xunto con outros amigos da escola, buscar outro lugar, pero este tiña que ser segredo, só para eles...
Adentráronse no escuro e tenebroso bosque, escoitábanse os ladridos dos cans e iso asustábaos moito. Pablo era un dos mellores amigos de Roberto e Xoán. El era moi listo e gustáballe moito as lendas e mitos, refráns e fabulas.
Roberto era atrevido sen medo a nada, moi forte, egoísta e engreído.
Xoán era todo o contrario a Roberto, moi asustadizo, amedrentábase por calquera ruído que escoitara.
E os outros amigos escaparon correndo co medo...só quedaban eles tres.
Cando xa levaban un bo intre camiñando atoparon unha casa moi descoidada e a punto de derrubarse. Xoán non quixo achegarse máis, porque tiña medo de que a casa se derruíse con el dentro, pero Roberto quixo achegarse máis, porque tiña moita curiosidade e quería saber o que había no interior da casa.
Mentres Xoán choraba co medo e Roberto ríase del, Pablo contou unha historia moi interesante:
-”Un 14 de xullo de 1902, tres aventureiros rapaces entraron nesa casa sos, sen ningún adulto que os acompañara. Cando estaban dentro, di a lenda, que un lobishome pechara todas as portas e ventás da casa deixando ós rapaces atrapados no interior. Sen nada que comer nin beber, os rapaces morreron despois de dous días encerrados no interior da casa...”
Xoán estaba cada vez máis asustado e quería voltar á casa, pero non sabían cal era o camiño de volta.
Así que non tiveron outro remedio que entrar na casa.
-Xenial, a tormenta vén no mellor momento- di Pablo.
-E está empezando a chover, imos dentro da casa se non queremos coller un arrefiado- dixo Roberto.
-Non, eu non entro- dixo Xoán tremelicando.
-Ti o que queres e morrer a causa dun raio que che caia na cabeza, non si?- di Roberto intentando convencer a Xoán.
-Está ben, entramos- dixo Xoán convencido.
Cando xa estaban no interior da casa todas as portas e ventás se pecharon con forza, deixando os tres rapaces sos e indefensos dentro.
Os tres rapaces estaban tremendo e non sabían que facer.
De súpeto miraron unha sombra que semellaba un lobishome, correron moi asustados escaleiras arriba, pero a sombra pisáballes os talóns.
Roberto caeu escaleiras abaixo e a sombra desapareceu.
Os rapaces agocháronse nun dormitorio do piso de arriba.
Escoitábase como ese estraño ser se acercaba e dicía:
-Vouno facer! Vouno facer!
Eles estaban moi asustados e non sabían que facer.
A porta abríase cada vez máis deixando ver claramente a ese estraño ser...
Era unha velliña que pasaba preto da casa, escoitounos berrar e entrou para axudalos.
-Estades todos ben?- dixo a anciá.
-Si- responderon os rapaces, aínda co medo no corpo.
-Es unha bruxa?- preguntou Xoán.
-Que?-dixo a anciá sorprendida.
-Sí, unha bruxa, un ser fántastico: unha muller vella e fea cun nariz moi puntiagudo, cun vestido negro, caído e sucio, que monta unha vasoira como medio de transporte e que come nenos coma nós- dixo Xoán, presumindo dos seus coñecementos.
-Non, eu non son así, só son unha anciá que pasea por aquí tódolos días por esta zona e quíxovos axudar, pero non vos vou comer nin moito menos- dixo a anciá, botándose a rir.
-Menos mal...- dixeron alucinados.
-Un momento. Nós escoitamos unhas palabras: “Vouno facer! Vouno facer!” Pódenos explicar iso?- comentou Pablo.
-Eu non escoitei nada, seguramente foi a vosa imaxinación que vos xogou unha mala pasada a causa do medo e o das portas e ventás foi o vento que as pechou- aclarou a anciá.
-Que alivio...!-respondeu Roberto.
-Pódenos axudar a volver para a casa, por favor?. Non sabemos como volver e as nosas nais estarán moi preocupadas- comentou Xoán, aínda algo asustado.
-Está ben, vámonos rapaces!
E menos mal que todo foi unha confusión, os rapaces volveron sans á casa, pero cunha historia arrepiante que contar.

12/3/10

POEMAS MUSICADOS

Se aínda vos queda un anaquiño libre no tempo da vosa vida cotiá, sería interesante e moi pracenteiro que escoitásedes o poema de Manuel María, A fala, musicado por Roi Casal. Aparece no seguinte enderezo:http://sondepoetas.blogspot.com/

4/3/10

PEPE CARBALLUDE



Por Inés Pereira Bugarín, 3º ESO A.


O pasado venres dia 26 de febreiro, o escritor Pepe Carballude, visitou o noso instituto para falarnos sobre as súas obras literarias e vida.

A conferencia comezou coa presentacion do autor, por dúas compañeiras de 2º de Bacharelato. Estas informáronnos dos detalles máis importantes da vida deste: naceu na Vila de Rubín, na Estrada, onde estudou os primeiros anos da súa vida antes de marchar interno para un instituto en Ourense. Ao rematar o COU matriculouse en Filoloxía Clásica onde aprendeu unha chea de cousas que lle serviron para impartir clases nun instituto de Badaxoz. Aínda así, non conforme co que sabía, sacou aquel mesmo ano agregadurías de Latín. Despois dun par de anos, comezou a escribir e presentouse ao 2º Concurso Do Barco De Vapor, no que quedou finalista co libro O deus desaparecido. Desde aquela escribiu diversas obras infantís e xuvenís: Xograres dun tempo novo, Os enredos de Olalla, SOS, A fraga misteriosa, ¡Maldito DNI!, Andrea quere ser maior, Investigación 091, Andainas de Pedro Chosco...

Rematada a presentación e debido a que nós, os alumnos de 3º da ESO, e os de 2º de Bacharelato leramos Xograres dun tempo novo e ¡Maldito DNI! respectivamente, o autor centrouse nestas dúas obras. Contounos que Xograres dun tempo novo era unha que comezara a escribir porque o tema das Misións Pedagóxicas lle parecera un tema moi nobre e por honrar a todas esas mulleres que estaban detrás dos grandes escritores, pintores... dos grandes intelectuais da época, que estaban aí apoiando e axudando en todo o que estaba nas súas mans.
¡Maldito DNI! nacera polo sentimento de opresión que tivera daquela un amigo do autor, unha idea ao principio disparatada, pero que consegue converterse nunha grande historia.

Para rematar, pediunos que todo aquel que tivera unha pregunta a fixera, que sería contestada o mellor posible.

A impresión que levei, e non dubido que moitos dos meus compañeiros, é que é unha persoa moi aberta e que intenta sentirse preto dos que o estamos a escoitar, probablemente pola súa condición de profesor nun instituto.


AS MISIÓNS PEDAGÓXICAS

Por David Valverde Cabaleiro, 3º ESO B
As Misións Pedagóxicas naceron en 1931 como unha firme iniciativa do goberno da Segunda República para intentar democratizar a educación, nunha sociedade que tiña con baixos niveis de escolarización, até ese momento, a máis de medio millón de nenos e nenas, e para a erradicación do analfabetismo, un dos retos máis ambiciosos que marcaba a súa política social.
A finalidade era estender polo medio rural a cultura e os medios necesarios para adquirila, sempre coa axuda necesaria de estudantes e profesores integrantes das misións pedagóxicas.
A actividade que recolle o Decreto, publicado na Gaceta de Madrid o día 30 de maio de 1931 -apenas mes e medio despois de instaurar o novo Réxime- pretendía desenvolverse en tres áreas diferentes:
En primeiro lugar, o fomento da cultura xeral mediante o establecemento de bibliotecas populares, fixas ou itinerantes, onde se organizaran lecturas e conferencias públicas, audicións de música e exposicións de coleccións de pintura e sesións de cine con intención educativa.
En segundo lugar, a orientación pedagóxica das escolas existentes, organizando visitas aos centros e celebrando Semanas ou Quincenas pedagóxicas, excursións cos mestres e o alumnado para amosarlles a utilidade educativa.
E, por último, a educación cidadá, celebrando reunións onde se afirmaran os principios democráticos, acompañados de conferencias e lecturas nas que se explicara á xente diversas cuestións relacionadas coas estruturasdo Estado, a divulgación cívica e a participación na actividade política en xeral.
As Misións Pedagóxicas foron a pique no 1936, coa Guerra Civil.

18/1/10

UNHA ENTRADA LINGUISTICAMENTE INTERESANTE

Respecto, Tolerancia, Sintonía... Esas son as claves!
Recollemos desde o Blogue da Biblioteca do C.E.I.P. Frian - Teis este Decálogo, resultado (magnífico) dunha triple aportación: por unha banda, o Decálogo elaborado polos Servizos Lingüísticos das Universidades catalanas no ano 2008, co gallo do Ano Internacional das Linguas, proclamado pola O.N.U.; por outra, a tradución da nosa compañeira do PLAMBE, Adelia Troncoso, do IES Val de Tea; por último, a maquetación, obra de Mónica Muñoz, coordinadora da Biblioteca do CEIP Frián.

14/1/10

CONCURSOS DO MAGOSTO

Grazas a todas e todos por aportar a vosa imaxinación, habilidade artística e culinaria a esta celebración.

Os traballos gañadores do Concurso de carteis nesta edición foron:
1º ciclo: Benxamín e Alejandro de 2º C
2º ciclo: Anxo Lemos de 4º ESO
Bacharelato:Patricia Pérez, Patricia Pereira, Verónica Barra e Débora Cruz de 2º Bacharelato

Os doces premiados no Concurso gastronómico foron os que seguen:
1º ESO- Carla Domínguez: Chocolate con noces
2º ESO- Tarta de cenorias- María Rodríguez
Tarta do pai Pío- Javier Gómez Senra




Fotos do Magosto 2009

Estas son as fotos da divertida festa do magosto.

Obradoiro de calacús