12/3/10

POEMAS MUSICADOS

Se aínda vos queda un anaquiño libre no tempo da vosa vida cotiá, sería interesante e moi pracenteiro que escoitásedes o poema de Manuel María, A fala, musicado por Roi Casal. Aparece no seguinte enderezo:http://sondepoetas.blogspot.com/

4/3/10

PEPE CARBALLUDE



Por Inés Pereira Bugarín, 3º ESO A.


O pasado venres dia 26 de febreiro, o escritor Pepe Carballude, visitou o noso instituto para falarnos sobre as súas obras literarias e vida.

A conferencia comezou coa presentacion do autor, por dúas compañeiras de 2º de Bacharelato. Estas informáronnos dos detalles máis importantes da vida deste: naceu na Vila de Rubín, na Estrada, onde estudou os primeiros anos da súa vida antes de marchar interno para un instituto en Ourense. Ao rematar o COU matriculouse en Filoloxía Clásica onde aprendeu unha chea de cousas que lle serviron para impartir clases nun instituto de Badaxoz. Aínda así, non conforme co que sabía, sacou aquel mesmo ano agregadurías de Latín. Despois dun par de anos, comezou a escribir e presentouse ao 2º Concurso Do Barco De Vapor, no que quedou finalista co libro O deus desaparecido. Desde aquela escribiu diversas obras infantís e xuvenís: Xograres dun tempo novo, Os enredos de Olalla, SOS, A fraga misteriosa, ¡Maldito DNI!, Andrea quere ser maior, Investigación 091, Andainas de Pedro Chosco...

Rematada a presentación e debido a que nós, os alumnos de 3º da ESO, e os de 2º de Bacharelato leramos Xograres dun tempo novo e ¡Maldito DNI! respectivamente, o autor centrouse nestas dúas obras. Contounos que Xograres dun tempo novo era unha que comezara a escribir porque o tema das Misións Pedagóxicas lle parecera un tema moi nobre e por honrar a todas esas mulleres que estaban detrás dos grandes escritores, pintores... dos grandes intelectuais da época, que estaban aí apoiando e axudando en todo o que estaba nas súas mans.
¡Maldito DNI! nacera polo sentimento de opresión que tivera daquela un amigo do autor, unha idea ao principio disparatada, pero que consegue converterse nunha grande historia.

Para rematar, pediunos que todo aquel que tivera unha pregunta a fixera, que sería contestada o mellor posible.

A impresión que levei, e non dubido que moitos dos meus compañeiros, é que é unha persoa moi aberta e que intenta sentirse preto dos que o estamos a escoitar, probablemente pola súa condición de profesor nun instituto.


AS MISIÓNS PEDAGÓXICAS

Por David Valverde Cabaleiro, 3º ESO B
As Misións Pedagóxicas naceron en 1931 como unha firme iniciativa do goberno da Segunda República para intentar democratizar a educación, nunha sociedade que tiña con baixos niveis de escolarización, até ese momento, a máis de medio millón de nenos e nenas, e para a erradicación do analfabetismo, un dos retos máis ambiciosos que marcaba a súa política social.
A finalidade era estender polo medio rural a cultura e os medios necesarios para adquirila, sempre coa axuda necesaria de estudantes e profesores integrantes das misións pedagóxicas.
A actividade que recolle o Decreto, publicado na Gaceta de Madrid o día 30 de maio de 1931 -apenas mes e medio despois de instaurar o novo Réxime- pretendía desenvolverse en tres áreas diferentes:
En primeiro lugar, o fomento da cultura xeral mediante o establecemento de bibliotecas populares, fixas ou itinerantes, onde se organizaran lecturas e conferencias públicas, audicións de música e exposicións de coleccións de pintura e sesións de cine con intención educativa.
En segundo lugar, a orientación pedagóxica das escolas existentes, organizando visitas aos centros e celebrando Semanas ou Quincenas pedagóxicas, excursións cos mestres e o alumnado para amosarlles a utilidade educativa.
E, por último, a educación cidadá, celebrando reunións onde se afirmaran os principios democráticos, acompañados de conferencias e lecturas nas que se explicara á xente diversas cuestións relacionadas coas estruturasdo Estado, a divulgación cívica e a participación na actividade política en xeral.
As Misións Pedagóxicas foron a pique no 1936, coa Guerra Civil.